
Estás aquí, sol, contigo é máis sinxela a supervivencia. Eu, esta mañá, coloco unha canción sobre a túa fronte loira: "Volare". E póñome a voar como se fose un paxaro de cristal, transparente, en medio deste xuño que sabe a resaca. Voar sobre as cousas imposíbeis, os soños rotos, as historias de amor que rematan. A historia do amor, é sempre a historia do fracaso: Romeo e Xulieta, Dante e Beatriz, Casablanca... Todos fracasaron. Velaquí o destino certo das grandes paixóns. Se non fose así, non serían paixóns nin nada. Serían divertimentos. Esta mañá, escribo do amor porque estou canso de escriber das cousas intranscendentes que, pese a ser intranscendentes, vulneran a nosa vida: a política, os conflictos laborais, a nubelosa grisácea do absurdo navegándonos. Escrebo do amor, porque o amor axúdanos a vivir, inda que tal aventura sempre nos derrote. Amar, vivir...: son sinónimos. Se amas, vives; iso quero dizer. Os que pasearon algunha vez polo barrio da Nada, que é peor que o barrio da Melancolía, saben perfectamente que non minto. Se quedas en estado de botella vacía, estás fundido... Tanto como o Titanic, mais claro que non haberá un Leonardo di Caprio que te axude a non afogar, que te salve. A min, nesta hora sálvanme as cancións que escoito para non estar triste. "Volare". Outras veces, coloco rumbas na banda sonora da miña vida. Xuño merece ben non botar todo a perder, porque tal vez todo está xa perdido. Golpeo esta mañá o teu "cruasán" e o teu café: para que saltes. Porque sempre é duro vivir, mais vivimos. Porque hai que erguerse. Porque estamos fartos de caer. E porque non queremos caer nunca máis, nunca. Non quedará outro remedio, certo. Pero é mellor non sabelo, ou ignoralo. Poñede a radio do presente a todo volume. "Volare, corazón... Volare".
0 comentarios