Arousa Norte: Síndrome Peter Pan?
Cunha teimosía digna da cantiga celtista da Roda (sempre andan dicindo para o ano que vén... e chega outro ano e pasa tamén) os catro munícipes da Mancomunidade Arousa Norte volven poñer sobre a mesa a necesidade de dar un salto cualitativo desde esta entidade e comezar a xestionar servizos mancomunados. O diagnóstico leva tempo enriba da mesa: mancomunar servizos entre os concellos suporía mellorar as prestacións aos veciños e optimizar a xestión dos recursos económicos e materiais. Porén, mandato tras mandato deste órgano presidencialista no que rotan os alcaldes anualmente, non se dan posto de acordo máis que para editar conxuntamente folletos, ir ás feiras de turismo e repartir logo a escote as subvencións acadadas entre os concellos.
Mais a tentación do localismo e protagonismo mediático e de poder que exerce cada alcalde na súa quinta é moito para que pensen en diluir nun ente superior competencias que as limitan. Arousa Norte resístese a medrar.
0 comentarios