Blogia
a xanela

A segunda transición é precisa

A segunda transición é precisa

Dende a instauración da Constitución Española de 1978, lexitimouse no Estado Español un sistema político bipartista. Os creadores deste sistema (que non foron outros máis que os redactores do texto constitucional) tentaban buscar un equilibrio político que fluctuase entre a Segunda República e o réxime franquista e que ao mesmo tempo lles permitise manter o goberno a uns e aos outros (PP e PSOE), co obxectivo de manter unha "estabilidade política".  Na redacción da carta magna excluíronse as vontades das diversas realidades políticas e nacionais, ao tempo que tamén se aproveitaba para blindar ao Estado Español fronte a futuribles movementos separatistas. A este respecto, é convinte facer un repaso fugaz aos artigos que -como xa indiquei anteriormente- blindaban a esa España que herdaba matices políticos do franquismo ("España: una, grande y libre"). Pois ben, no artigo 2 da constitución atopamos:

La Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española, patria
común e indivisible de todos los españoles, y reconoce y garantiza el derecho a la
autonomía de las nacionalidades y regiones que la integran y la solidaridad entre todas
ellas.

Velaquí se expresa explicitamente que inda que a vontade popular elixise que unha nación histórica se independizase, tal cuestión sería ilegal en base a este precepto constitucional. Logo, preguntémonos: ¿Reside a soberanía de España no pobo? A resposta non deixa de ser unha gran obviedade.

Mais a cousa non queda aí. No artigo oitavo, apúntase:

Las Fuerzas Armadas, constituídas por el Ejército de Tierra, la Armada y el Ejército del Aire, tienen como misión garantizar la soberanía e independencia de España, defender su integridad territorial y el ordenamiento constitucional.

Isto é. No caso de que un movemento social e político decidise promover un referéndum de autodeterminación (que tan só é un referéndum para coñecer a vontade do pobo, de xeito pacífico e nunca belicoso) incluso poderían chegar a intervir o que a Constitución define como Fuerzas Armadas e o meu empeño  afánase en definir como Forzas Desalmadas.

E para apuntalar esta indisolubilidade e esta marxinación política do que PP  e  PSOE chaman minorías, artellan unha serie de mecanismos que fomentan inda máis este réxime bipartidista español:

  • Circunscripcións electorais moi numerosas, en concreto 52 (artigos 68 e 69 da constitución: unha provincia, unha circunscripción). Con isto, o que conseguen é rebaixar o número de persoas electas por circunscripción, fomentando que os grandes partidos acaparen a maior parte da representatividade. Con esta estratexia, penalizan a partidos políticos como Izquierda Unida, claramente a terceira forza política de España. Deste xeito favorécese a creación de forzas rexionalistas e nacionalistas cuxo teito crecemento nunca sobrepasará a cuota electoral desa área.
  • Lei electoral (método d’Hont): que reparte os escaños a elixir en función do maior número de votos contabilizados.
  • As iniciativas lexislativas populares (ILP) non poden empregarse, en España, para efectuar cambios constitucionais.

Após de todo isto, no artigo 161.1 e 161.2, precísase:

No se computarán los votos de las candidaturas con menos del 3% de votos en la circunscripción y que los representantes se asignarán a las listas restantes en función del Sistema d’Hont.

Os cidadáns do Estado Español estamos asistindo a situacións como que a terceira forza política do Congreso sexa a sexta en número de votos, cuestión que é un claro exemplo do roubo da soberanía popular que artellaron os embrionarios dos actuais PP e PSOE, co obxectivo explícito de que os cidadáns deste Estado estén a mercé destes partidos políticos, sen que exista outra posibilidade de goberno.

E inda por riba, a miúdo temos que soportar como moitos políticos, cando acadan unha maioría simple e non logran o goberno, enuncian a cruel frase: "a lista máis votada debería gobernar"; esquecéndose por completo da pobre democracia parlamentaria (que non presidencialista) que rixe este país. Se cada representante parlamentario é a expresión da soberanía popular e o sistema democráctico é parlamentarista, ¿cal é a sin razón que pode xustificar gobernos presidencialistas sen o apoio dunha maioría social?

Pero o grado de corrupción do bipartidismo nin tan sequera queda aí. A separación do poder lexislativo, executivo e xudicial está fortemente prostituido por ese bipartidismo político. E explícome, a soberanía popular (disque) é a que elixe o poder lexislativo do xeito corrupto e pouco proporcional que xa vimos previamente. A continuación, o lexislativo é o que elixe ao poder executivo e finalmennte volve ser o lexislativo máis o executivo os que nomean a membros de tribunais da importancia e calado como o constitucional ou o supremo.

Xa é hora, pois, de que as cousas cambien. Ao meu entender, os representantes da soberanía popular deberíanse elixir en base a circunscripcións da  súa competencia (Congreso por circunscripción única, Senado por circunscripción rexional/nacional e Asambleas/Parlamentos rexionais/nacionais por circunscripción rexional/nacional), deberíase eliminar o mínimo do contabilización de votos do 3% para cada partido por circunscripción e deberíase empregar un sistema de atribución de escanos máis proporcional, como é o método do cociente Droop.

Un saúdo,

Agustín Pérez

0 comentarios