Blogia
a xanela

Locais 2011 en Arousa Norte

O vindeiro ano, a comarca enfrontarase a un novo proceso electoral. O obxectivo, será someter as actuais corporacións locais á opinión dos administrados. O panorama para uns pinta dantesco, para outros favorábel e outros non agardan cambios sustanciais. Analicemos a situación en base aos resultados electorais de 2007 a partir dos cales están constituídos os gobernos municipais:

Rianxo [Datos: partido político, votos, % de votos e edís]
PSOE - 3540 - 49.73 % - 9
BNG - 1737 - 24.40 % - 4
PP - 1725 - 24.23 % - 4

O probábel é que o PSOE non consiga manter a maioría absoluta e acade unha maioría simple coa que gobernar. Os socialistas están en caída libre, xa que deixaron polo camiño 813 votos. O BNG, sendo a segunda forza, logrou rentabiizar a oposición con 559 votos máis e o PP fixo o mesmo con un aumento de 451 votos. A abstención, tamén sufriu un forte ascenso.

Boiro:
PP - 3500 - 32.02 % - 6
BNG - 3488 - 31.91 % - 5
PSOE - 2585 - 23.65 % - 4
IC - 1175 - 10.75 % - 2

En Boiro, no período 2003-2007, o PP sufriu unha fortísima caída, perdendo 1.558 votos. Os demais grupos subiron: 572 o BNG, 334 o PSOE e 131 Velo (IC). Mais nisto hai algo moi curioso debido á lei de D’hondt, que é a fórmula de elección dos edís: o PP somentes obtivo12 votos máis en todo o concello que o BNG (véxanse arriba os resultados electorais), polo que se os frentistas acadasen un voto máis o sexto edil conservador iría para  as bancadas do BNG, cuestión que afundiría inda máis aos populares. Inda así, os nacionalistas precisan do apoio do PSOE para o goberno.

Pobra:
PP - 3117 - 50.4 % - 9
BNG - 2257 - 36.5 % - 6
PSOE - 699 - 11.3 % - 2

Na Pobra os conservadores gobernan por unha axustadísima maioría absoluta, en concreto por 168 votos. É dicir, se o BNG obtivese 168 votos máis, o edil noveno do PP pasaría para os nacionalistas, co que se desbancaría a Isaac Maceiras da alcaldía, contando sempre co apoio socialista. Atendendo a unha análise por partidos, o PP e o PSOE seguen na súa tendencia á baixa (con respecto 2003) xa que perderon 466 e 311 votos, respectivamente, namentres os nacionalistas lograron 625 papeletas máis.

Ribeira:
PP - 6865 - 48.94 % - 11
BNG - 3634 - 25.91 % - 6
PSOE - 1780 - 12.69 % - 2
IPDER - 1540 - 10.98 % - 2

En Ribeira a situación é semellante á da Pobra. Se o BNG subise con 180 votos, o concelleiro número 11 dos conservadores pasaría a ser nacionalista co que Torres Colomer (PP) perdería a maioría absoluta, enfrontándose a un ambiente pouco propicio para o pacto con outras forzas. Polo tanto, nesa tesitura o BNG buscaría apoio do PSOE e do IPDER para conquistar a alcaldía. Por partidos e con respecto a 2003, o PP e Independentes perderon 1.164 e 74 votos, respectivamente, o PSOE ascendeu con 171 votos e o BNG alzouse con 649 votos máis.

¿Que deparará o 2011? Probablemente o PSOE rianxeiro perda a maioría e precise de pactos co BNG, o BNG siga na alcaldía de Boiro e o PP perda as as maiorías absolutas de A Pobra e Ribeira, transferíndolle sendas alcaldías aos nacionalistas. Queda moito e xa se verá.

0 comentarios