NÁUTICA DE RECREO
Na madrugada do mércores ao xoves, tres navegantes foron a pique nunha planeadora, 15 millas ao Sur de A Guarda. Eran dous irmáns de Vilanova de Arousa e un terceiro veciño de Cambados. O fantástico trío, ía nunha embarcación tipo zódiac (ultralixeira) de 11 metros de eslora, empurrados por popa con tres motores de máis de 200cV cada un. É dicir, os motores imprimíanlle á nave unha propulsión equivalente ao motor de tres Audi TT Coupé. Salvamento marítimo socorreunos e tras un interrogatorio dunha hora, deixáronos en liberdade por falta de probas e/ou indicios incriminatorios. Sen respectar a presunción de inocencia, as mentes retorcidas xa falan de tráfico de drogas; mais sexamos reflexivos cybernautas:
*¿Que facían rulando nunha embarcación-zódiac de once metros de eslora e con tres motores de 200cV cada un ás 2:45 da madrugada? Isto non indica nada. O máis probábel é que estivesen facendo un cursiño aplicado de navegación astronómica con sextante.
*¿A onde ían ás tres da mañá fungando para Portugal? Talo vez andaban ás fanecas, pero tampouco cabe descartar que planeasen remonta-lo Miño e atracar en Valença para chegar a unha boa hora ao mercadillo das toallas.
*¿Para que precisaban de máis de 600CV de empurre? Por solidariedade. Si surxía un novo Prestige, sempre poderían axudar ás Autoridades Públicas a remolcalo.
*¿Por que cando os levaron ao porto de Cangas os náufragos taparon as caras cos seus xerséis ao ve-la prensa? Moi sinxelo. Un simple problema de timidez.
A náutica de recreo está en auxe na Galiza. ¿Quen nunca se pegou un garbeo ás 3 da mañá nunha zódiac de 11 metros de eslora e con 600CV a bordo?. Inda que, pensándoo sensatamente, se fosemos policías deberíamos mirar un chisco para qué escudería corría a devandita zódiac...
0 comentarios