Blogia
a xanela

luscofusco

Reflexiona e brinca!

Reflexiona e brinca!

A vida, neste mes, sempre me lembra que o tempo é finito, cualidade que debe facernos reflexionar na trascendencia da nosa existencia. Por iso, un cambio a tempo sempre merece a pena. Desfrutade do día  a día e se vos sentides tristes... ¡Brincade!

Desexos

Desexos

Levo uns días alonxado de frikilandia, e a terra por medio que lle puxen aos monsters comeza a facer os seus efectos. a recuperación sen embargo é lenta. as feridas son máis profundas do que imaxinei, tal e como intuín o día que comecei as vacacións: a tristeza e o baleiro, cando que se supón que debía ser un dos días máis eufóricos do ano, foron inmensos. ás veces de noite e, entre soños, aparéceseme algún dos monsters e os soños vóltanse pesadelos. pero non desepero, poño todo da miña parte, pido as axudas que creo que preciso e entro na pista de despegue.

Cousas que ten a vida.

  "Non hai mal que por ben non veña". Este dito oínllo unhas mil veces á miña veciña Maruja. É unha optimista nata. Non digo eu que todo o malo traia algo bo, que eu optimista solo son o xusto. Máis ben penso que o mal, que por definición é un acontecemento negativo, non desexado e doloroso, tamén pode, paradóxicamente, ter algún aspecto positivo. Moitas veces, ata que ves que algo importante pode desaparecer non reaccionas. Polo menos, a min pasoume. ¿Débense contar os soños nas páxinas dun blog?

-Depende.

Gústanme as respostas á galega, máis vou deixar de lado as intrigas e vouvos contar un soño. Si hoxe puidera venderlle a miña alma ó demo, si tivera alma e si existise o trasno, quizais o fixese. O malo que ten venderlle a alma ó demo e que nunca cha devolve. Ten que ser unha decisión moi meditada, neste tema a precipitación soamente pode acarrear problemas. Como vos ía dicindo, por este soño pensaríao, empezaría a meditar. Collería un papel e faría dúas listas, á esquerda enumeraría os ¨contras¨ e á dereita escribiría os ¨pros¨. Ós cinco minutos teríao claro: ¨¿dónde hai que firmar don Belcebú?¨

O meu soño é un soño de inverno, dunha tarde gris, fría e chuviosa. De cristais mollados e vento furioso. Non sei si seguir contando, non sei si será prudente, dígoo porque os soños que se contan case nunca se cumpren. Demasiado tarde, a miña incontinencia verbal é infinitamente máis grande que a miña prudencia.

Con tantas reformas educativas non sei moi ben como quedaron os horarios dos rapaces. No meu colexio sempre líamos pola tarde. Era unha obsesión daqueles tempos e daquel colexio. Agora as cousas cambiaron e a maioría dos cativos len fatal. Compróboo de vez en cando, na misa, cando os nenos len os evanxeos, ¡qué espanto!, dan ganas de fuxir. Por suposto, o libro de lectura era o meu preferido, e alí, no meu colexio, unha tarde de inverno, tiven que ler algo que me chegou ó corazón. Lin que non tódolos nenos do mundo tiñan comida para comer, auga que beber, unha familia á que querer porque a guerra lévao todo, ou unha terra pola que loitar. Eran pobres, moi pobres. Tan pobres que morrían por esa enfermidade.

E nestes días que fan vislumbrar o comezo do inverno, volvín lembrarme deles. Da xente que nunca sabemos nada porque tal vez non lle interese á nosa conciencia. Supoño que agora saberedes cal foi o meu soño. Oxalá que se cumpra.

Por tódolos pobres do mundo. Por todos. A XANELA.

 

Un mini-relato adicado.

Un mini-relato adicado.

Era media noite. No ambiente había un forte sabor a berros, un inquietante cheiror a sangue e a palabra puta saíndo da boca de meu pai. O que parecía ser  un duro  día máis, un día como tantos outros, acabou como noutras ocasións xa presaxiara. Meu pai abandoou (funcando, maldecindo e roñando) a casa, eu como sempre fun xunto de mamá. Antes de entrar na habitación, adiviñábanse unhas pisadas vermellas que desprendían un forte sentimento de tánatos. As pisadas íanse facendo máis visíbeis canto máis me aproximaba a mamá. E alí estaba ela, cos brazos colgados da bañeira, bañándose nun caldo vermello que sabía a sensabores e descolocaba a calqueira. Toqueina, acaricieina como sempre o facía despois de que meu pai forcexeaba con ela. Díxome que me quería e que me coidase moito. Todo o que ela nunca puidera facer por min. Tras isto, puxo fin a unha vida destronada por un home descerebrado e sicótico ó que nunca soubo facer fronte, porque tal vez nunca tivo a oportunidade de facelo.

 Este relato, señores/as cibernautas, escríboo e adícollo a tódalas mulleres mortas ás mans dos seus "homes", ou que foron ou son maltratadas por estes. Porque este ano xa van 52 e non queremos unha máis. Porque este, é o relato que nunca debeu ser escrito nin imaxinado por ninguén de ningures. A XANELA.

ENTREGA 2ª: IOGUSLAVIA

ENTREGA 2ª:  IOGUSLAVIA
Atoparme con acalycanto para min foi como atopar a algúen que trae o pan debaixo do brazo. despois da gran putada da fatídica oposición de rennes, o destino púxome diante ao mellor mestre dentre os mellores; agora, ademáis dun futuro ilusionante trae xente que me abre camiños novos en humidtown, xusto cando eu pensaba que xa os coñecía todos. o venres pasado, cando acalycanto se retira escangallado para casa, nebraska, ute lemper e máis eu compartimos, entre as risas e os recordos, cervexas e ronconcocacola no de sempre. nebraska trae ao presente un pasado (non moi) glorioso; fala de san antón, de curvas nas estradas e de bares ilegais; ute lemper lembra percebadas históricas, bares políglotas e alemáns autárquicos; a miña cabeza vai a toda hostia xuntando ás súas palabras luns de antroido, suspensos en matématicas, corazóns rotos e moita música. pero por riba de todo lembra a clandestinidade daquela serra e o frío que ía na praia neste verán de sol esquecido.
Poucas cousas mellores que rematar as vacacións metendo no macuto que levo á casa as novas versións de hoover alpina, mamápanda e  elbulli, aos amigos de sempre (e coma sempre), a amigos recentes, a venecia e ao futuro (inda que leve exame incluído).

Whitney Houston

Whitney Houston

Inda que ultimamente, está pasando por moitos problemas e non se adique á música directamente... Sempre a lembraremos por ter unha voz fantástica e inigualábel,que incluso nos facía tremer con cada frase, cada palabra, cada entoación... Oxalá se recupere axiña, e para todas/os vós adícovos este "I will always love you". Único...

http://youtube.com/watch?v=VUoEil40qZA

Intelixencia, ironía e sensibilidade.

Intelixencia, ironía e sensibilidade.

*A morte é unha vida vivida. A vida, é unha morte que vén. (Jorge Luis Borges).

* Creo que parte do meu amor á vida, llo debo ó meu amor polos libros. (Bioy Casares).

*O pensamento voa e as verbas van a pé. Velaquí o drama do escritor. (Julien Green).

*A poesía non quere adeptos, quere amantes. (Federico Gcía. Lorca).

*Hai que saber onde está o límite para poder chegar. (Henry Miller).

*A miña misión é matar ó tempo e a deste é matarme á súa vez. Estáse ben entre asasinos. (Émile M. Cioran).

 

XENTE

Setembro trae a volta á escola, cada marzo é tempo de lembrar á muller traballadora. Decembro tráenos nadal, día de loitas contra a SIDA e fin de ano. Bogamos virando o milenio, lembramos a longa noite de pedra franquista, manifestámonos pola liberdade de prensa e mandamos botellas virtuais a ambos lados do Atlántico. Somos xente, daquí e dacolá que mantemos esperanzas en nós e nos nosos. Adícovos, este poema de Celso Emilio Ferreiro para lembrarvos que "Entre o forte e o débil, é a liberdade a que oprime". Pasade bo día.

ESPRANZA

Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.

Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.

Non sabrán o camiño
que pra entón colleremos.
Longos ríos de brétema,
longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes,
na libertá creemos.
Viva, viva, decimos
aos que están no destero

e soñan cun abrente
de bandeiras ao vento.

Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!

VIVIR POETICAMENTE; vivir para vivir.

VIVIR POETICAMENTE; vivir para vivir.

A poesía non é somentes unha variedade de literatura, tamén é unha forma de vida na participación, o amor, o fervor, a comuñón, a exaltación, o rito, a festa, a embriaguez, o baile, o canto, que, efectivamente, transfiguran a vida prosaica feita de tarefas prácticas, utilitarias, técnicas. (...) Fernando Pessoa dicía que en cada un de nós hai dous seres, o primeiro, o verdadeiro, é o das súas ilusións, dos seus soños, que nace na infancia e prosegue toda a vida; o segundo, o falso, é o das súas aparencias, os seus discursos e os seus actos. Poderíamos dicir doutro xeito: en nós coexisten dous seres, o do estado prosaico e o do estado poético; eses dous seres constitúen o noso ser, son dúas polaridades, necesarias unha para a outra: se non ouvera prosa non habería poesía, o estado poético non se manifesta como tal senón en relación co estado prosaico. Temos necesidade vital de prosa, porque as actividades prosaicas nos fan sobrevivir. Mais a cotío, no reino animal, as actividades de supervivencia (procurar comida, perseguir a presa, defenderse contra os perigos e os agresores) devoran a vida, é dicir o goce. Hoxe, na terra, os humanos adican a meirande parte do seu vivir a sobrevivir. Temos que actuar para que o estado secundario chegue a primario.
Hai que tratar de vivir non só para sobrevivir senón tamén para vivir.
Vivir poéticamente é vivir para vivir.