Blogia
a xanela

Café au Lait

A segunda transición é precisa

A segunda transición é precisa

Dende a instauración da Constitución Española de 1978, lexitimouse no Estado Español un sistema político bipartista. Os creadores deste sistema (que non foron outros máis que os redactores do texto constitucional) tentaban buscar un equilibrio político que fluctuase entre a Segunda República e o réxime franquista e que ao mesmo tempo lles permitise manter o goberno a uns e aos outros (PP e PSOE), co obxectivo de manter unha "estabilidade política".  Na redacción da carta magna excluíronse as vontades das diversas realidades políticas e nacionais, ao tempo que tamén se aproveitaba para blindar ao Estado Español fronte a futuribles movementos separatistas. A este respecto, é convinte facer un repaso fugaz aos artigos que -como xa indiquei anteriormente- blindaban a esa España que herdaba matices políticos do franquismo ("España: una, grande y libre"). Pois ben, no artigo 2 da constitución atopamos:

La Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española, patria
común e indivisible de todos los españoles, y reconoce y garantiza el derecho a la
autonomía de las nacionalidades y regiones que la integran y la solidaridad entre todas
ellas.

Velaquí se expresa explicitamente que inda que a vontade popular elixise que unha nación histórica se independizase, tal cuestión sería ilegal en base a este precepto constitucional. Logo, preguntémonos: ¿Reside a soberanía de España no pobo? A resposta non deixa de ser unha gran obviedade.

Mais a cousa non queda aí. No artigo oitavo, apúntase:

Las Fuerzas Armadas, constituídas por el Ejército de Tierra, la Armada y el Ejército del Aire, tienen como misión garantizar la soberanía e independencia de España, defender su integridad territorial y el ordenamiento constitucional.

Isto é. No caso de que un movemento social e político decidise promover un referéndum de autodeterminación (que tan só é un referéndum para coñecer a vontade do pobo, de xeito pacífico e nunca belicoso) incluso poderían chegar a intervir o que a Constitución define como Fuerzas Armadas e o meu empeño  afánase en definir como Forzas Desalmadas.

E para apuntalar esta indisolubilidade e esta marxinación política do que PP  e  PSOE chaman minorías, artellan unha serie de mecanismos que fomentan inda máis este réxime bipartidista español:

  • Circunscripcións electorais moi numerosas, en concreto 52 (artigos 68 e 69 da constitución: unha provincia, unha circunscripción). Con isto, o que conseguen é rebaixar o número de persoas electas por circunscripción, fomentando que os grandes partidos acaparen a maior parte da representatividade. Con esta estratexia, penalizan a partidos políticos como Izquierda Unida, claramente a terceira forza política de España. Deste xeito favorécese a creación de forzas rexionalistas e nacionalistas cuxo teito crecemento nunca sobrepasará a cuota electoral desa área.
  • Lei electoral (método d’Hont): que reparte os escaños a elixir en función do maior número de votos contabilizados.
  • As iniciativas lexislativas populares (ILP) non poden empregarse, en España, para efectuar cambios constitucionais.

Após de todo isto, no artigo 161.1 e 161.2, precísase:

No se computarán los votos de las candidaturas con menos del 3% de votos en la circunscripción y que los representantes se asignarán a las listas restantes en función del Sistema d’Hont.

Os cidadáns do Estado Español estamos asistindo a situacións como que a terceira forza política do Congreso sexa a sexta en número de votos, cuestión que é un claro exemplo do roubo da soberanía popular que artellaron os embrionarios dos actuais PP e PSOE, co obxectivo explícito de que os cidadáns deste Estado estén a mercé destes partidos políticos, sen que exista outra posibilidade de goberno.

E inda por riba, a miúdo temos que soportar como moitos políticos, cando acadan unha maioría simple e non logran o goberno, enuncian a cruel frase: "a lista máis votada debería gobernar"; esquecéndose por completo da pobre democracia parlamentaria (que non presidencialista) que rixe este país. Se cada representante parlamentario é a expresión da soberanía popular e o sistema democráctico é parlamentarista, ¿cal é a sin razón que pode xustificar gobernos presidencialistas sen o apoio dunha maioría social?

Pero o grado de corrupción do bipartidismo nin tan sequera queda aí. A separación do poder lexislativo, executivo e xudicial está fortemente prostituido por ese bipartidismo político. E explícome, a soberanía popular (disque) é a que elixe o poder lexislativo do xeito corrupto e pouco proporcional que xa vimos previamente. A continuación, o lexislativo é o que elixe ao poder executivo e finalmennte volve ser o lexislativo máis o executivo os que nomean a membros de tribunais da importancia e calado como o constitucional ou o supremo.

Xa é hora, pois, de que as cousas cambien. Ao meu entender, os representantes da soberanía popular deberíanse elixir en base a circunscripcións da  súa competencia (Congreso por circunscripción única, Senado por circunscripción rexional/nacional e Asambleas/Parlamentos rexionais/nacionais por circunscripción rexional/nacional), deberíase eliminar o mínimo do contabilización de votos do 3% para cada partido por circunscripción e deberíase empregar un sistema de atribución de escanos máis proporcional, como é o método do cociente Droop.

Un saúdo,

Agustín Pérez

Punto e seguido IV

purrela está a comprobar o dura que é a vida cando un malvive desganado pensando no que queda por vir. namentres eu espero, e ás veces desespero, a que os monsters de frikinet volvan estar a dez euros de autoestrada, camiño do verán que semella abocado a unha gran bacanal de graos centígrados. ás veces o meu corpo semella dar os primeiros síntomas de hipersaturación. cando llo comento a madam millet, sabiamente reflexiona que tanto viñopais con tan pouca carne pasan factura. millet é unha depravada nata. Son as 4am e aparece, como non, a segunda de abordo entre rondescolorido e palabras que maldín unha vida adicada ao xénero oposto. e volven os pesadelos. o pesadelo da nubelosa grisácea que non deixa coruña dende fai tres meses. a miúdo todo semella do revés. ten razón tresdécadas máis un. e é que deus dálle pan a quen non ten dentes. saúdos dende milsoños.

Dime

Dime

Kafka queixábase da falta de cariño do seu pai. Dicía que era home áspero, incapaz de dar unha caricia. Coñezo a moitos individuos que son como o pai de Kafka. E non me interesan. Tamén coñezo outros que morren de ganas por dar caricias... e non saben. Coñezo incluso algúns que non saben bicar. E outros que non pronuncian nunca as palabras imprescindibles, que son sempre as mesmas: necesítote, teño ganas de estar sempre ao teu lado, quérote moito, oxalá teñas un magnífico día, grazas por estar, son o teu amigo, etcétera, etcétera, etcétera. Hai seres que din amar con loucura e, non obstante, son incapaces de achegarse á pel do outro, da outra. Arrimarse por tras do seu pelo, sentir o seu recendo, botar as mans á súa cintura e dicirlle: que lindo que estás así. Vivimos no mundo do disimulo e da mentira. Hai quen vive eternamente no silencio. Xentes incapaces de expresarse con palabras, ou coas mans, ou cuns ollos que acerquen e non separen. Convertemos o mundo nun lugar frío e baleiro. Un territorio de seres ausentes que aparecen unicamente no ocio cotián e repetido ou contemplándose na pantalla do televisor en programas de ampla audiencia. Vivimos ignorando o valor das palabras que curan tanto como as benzodiacepinas. Eu quero que me digan canto me queren, se é que alguén é capaz de querer a un tipo coma min. Que me tiren os pratos á cabeza cando rompo algunha das miñas promesas. Quero que me traten con calor, agora que o frío -dixen arriba- é o señor do mundo. Pero sobre todas as cousas quero que as persoas importantes para min digan e non calen. Eu non amo ao pai de Kafka, senón a eses que mandan mensaxes en ocasións insubstanciais, bromas, cancións, poemas... sei que están pensando en min, agora que cada vez pensamos menos nos outros. Sei que me están gritando: "Dime, anda... preocúpate ti tamén por min". Non sexas, escritor, como o pai de Kafka.

Xosé Carlos Caneiro

NÁUTICA DE RECREO

NÁUTICA DE RECREO

Na madrugada do mércores ao xoves, tres navegantes foron a pique nunha planeadora, 15 millas ao Sur de A Guarda. Eran dous irmáns de Vilanova de Arousa e un terceiro veciño de Cambados. O fantástico trío, ía nunha embarcación tipo zódiac (ultralixeira) de 11 metros de eslora, empurrados por popa con tres motores de máis de 200cV cada un. É dicir, os motores imprimíanlle á nave unha propulsión equivalente ao motor de tres Audi TT Coupé. Salvamento marítimo socorreunos e tras un interrogatorio dunha hora, deixáronos en liberdade por falta de probas e/ou indicios incriminatorios. Sen respectar a presunción de inocencia, as mentes retorcidas xa falan de tráfico de drogas; mais sexamos reflexivos cybernautas:

*¿Que facían rulando nunha embarcación-zódiac de once metros de eslora e con tres motores de 200cV cada un ás 2:45 da madrugada? Isto non indica nada. O máis probábel é que estivesen facendo un cursiño aplicado de navegación astronómica con sextante.

*¿A onde ían ás tres da mañá fungando para Portugal? Talo vez andaban ás fanecas, pero tampouco cabe descartar que planeasen remonta-lo Miño e atracar en Valença para chegar a unha boa hora ao mercadillo das toallas.

*¿Para que precisaban de máis de 600CV de empurre? Por solidariedade. Si surxía un novo Prestige, sempre poderían axudar ás Autoridades Públicas a remolcalo.

*¿Por que cando os levaron ao porto de Cangas os náufragos taparon as caras cos seus xerséis ao ve-la prensa? Moi sinxelo. Un simple problema de timidez.

A náutica de recreo está en auxe na Galiza. ¿Quen nunca se pegou un garbeo ás 3 da mañá nunha zódiac de 11 metros de eslora e con 600CV a bordo?. Inda que, pensándoo sensatamente, se fosemos policías deberíamos mirar un chisco para qué escudería corría a devandita zódiac...

 

OS ÚNICOS

OS ÚNICOS

Hei supoñer, que todos vos enteráchedes que na semana pasada tivo lugar o famoso "debate de estado da nación". Se o víchedes, poderedes confirmar o que eu vou enunciar: NINGÚN PARTIDO POLÍTICO, AGÁS O BNG, FALOU DE GALIZA. Polo tanto, as demáis apreciacións sobran... Parece ser que os do Bloque son os únicos que se lembran de nós cando no Congreso dos Deputados se fala de España.

SI FREAREMOS O CAMBIO CLIMÁTICO

SI FREAREMOS O CAMBIO CLIMÁTICO

  Amigos da Terra pón en marcha en colexios de educación primaria e secundaria das catro provincias a nova edición de "A aposta por frear o Cambio Climático", integrándose un ano máis na cadea europea. Nesta campaña nen@s, moz@s e educadores amosaran á Consellería de Medio Ambiente que con medidas cotiás lograrán reducir o consumo enerxético do centro educativo nun 8%.

  "A Aposta” pretende informar e concienciar aos mozos e mozas sobre un dos problemas ambientais máis importantes que sofre o noso planeta, o Cambio Climático. Esta campaña, que comezou en Alemaña no ano 1998, os mozos e mozas apostan que son capaces de reducir o 8% das súas emisións de CO2 no periodo de febreiro a maio do 2007. En Galicia vense facendo desde o 2002, pero por vez primeira a administración galega financia a campaña, “este ano contamos por vez primeira co apoio da Consellería de Medio Ambiente, sendo a contraparte da campaña e premiando a aqueles centros que cheguen a cumplir co compromiso de aforro, asimesmo aqueles que non sexan capaces de acadar o 8% de redución deberán compensar á Consellería con algunha acción”, declara Cristina Gómez, responsable da Campaña. Esta semana representantes de Amigos da Terra visitarán aos centros, IES Ponte Pedra (Ponteareas), IES 12 de Outubro (Ourense), CEIP Saco e Arce (Toén), CIP José García García (Ourense) e ao IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) formalizando o compromiso de aforro e presentando un almorzo alternativo, unha dinámica de concienciación na que se analizan os custos ambientais dos produtos que consumimos no noso almorzo diario, e buscando alternativas posibles e necesarias que minimicen as emisións de gases efecto invernadoiro.

Arousa Norte: Síndrome Peter Pan?

Arousa Norte: Síndrome Peter Pan?

Cunha teimosía digna da cantiga celtista da Roda (sempre andan dicindo para o ano que vén... e chega outro ano e pasa tamén) os catro munícipes da Mancomunidade Arousa Norte volven poñer sobre a mesa a necesidade de dar un salto cualitativo desde esta entidade e comezar a xestionar servizos mancomunados. O diagnóstico leva tempo enriba da mesa: mancomunar servizos entre os concellos suporía mellorar as prestacións aos veciños e optimizar a xestión dos recursos económicos e materiais. Porén, mandato tras mandato deste órgano presidencialista no que rotan os alcaldes anualmente, non se dan posto de acordo máis que para editar conxuntamente folletos, ir ás feiras de turismo e repartir logo a escote as subvencións acadadas entre os concellos.

Mais a tentación do localismo e protagonismo mediático e de poder que exerce cada alcalde na súa quinta é moito para que pensen en diluir nun ente superior competencias que as limitan. Arousa Norte resístese a medrar.

PERIGO DE CONTAMINACIÓN NO MAR GALEGO

PERIGO DE CONTAMINACIÓN NO MAR GALEGO

 Tentan afastar da costa coruñesa un barco que emana gases tóxicos por mor dun incendio e que transporta 6000 tm de fertilizantes.

Salvamento Marítimo está tentando remolcar o buque holandés 'Ostedijk', que sufriu un incendio a oito millas da costa da Coruña e que está a emanar gases tóxicos. A Xunta de Galicia xa activou o Centro de Coordinación Operativa (CEOP) para tratar a situación de risco. A tripulación lanzou un S.O.S á 01:50 logo de detectar que parte das máis de 6.000 toneladas de fertilizantes agrícolas que transportaban nas súas bodegas se descompuxeran.

ÁS VOLTAS COAS HORAS...

ÁS VOLTAS COAS HORAS...

Na última Asamblea Nacional do BNG, saeu como proposta de aforro enerxético e en pro dunha calidade mellor de vida, un texto que apoiaba o cambio de hora na nación galega.

Velaquí atoparon a mediocridade estúpida dos nosos "pseudoperiodistas" o seu argumento contra nacionalismo galego. Dá igual ELPAIS, que EL MUNDO, ou calqueira cadena de locución radiofónica así como programas televisivos. Somente argumentaban que os do "bloque" pretendían diferenciar a Galiza, mais perdoen excelencias: Galiza está xa diferenciada do resto do Estado Español, pola súa lingua milenaria, pola cultura, polo ser, polo comer, polo beber, polo pensar... Non nos fai falla un cambio horario para iso, senón que:

*A nosa hora non debe ser a de Greenwich xa que nos cae un pouco lonxe, concretamente un meridiano. Nós deberíamos ter o de Lisboa, que é o mesmo que o das Canarias; observade senón calqueira mapa grafado con meridianos.

*Namentres España xira as agullas dos reloxios cada seis meses, Galiza tamén o fai pero como sempre por detrás da nosa hora natural. É duro de cativo, cando te deitas e ergues de noite... E segue séndoo de maior. Estudos científicos, afirman que os galegos dormen 22 minutos menos que os españois cada día debido a este desfase horario.

*Ós galegos, o cambio horario non nos fai aforrar, senón que máis ben todo o contrario. Non debemos sacrificarnos polo ben doutras localidades, xa que partimos da base que "todos temos os mesmos dereitos".

Mais os meseteiros españois, seguerán afirmando que nos queremos diferenciar. E Eu digo, xa son ganas de tocar o carallo. Sei que a proposta non prosperará, como case todo aquí. Máis eu despídome cando son as 00:47, hora galega.

UN MES, DOUS TIRANOS.

UN MES, DOUS TIRANOS.

Neste mes, xa van dous. Un chileno chamado Pinochet e un iraquí chamado Sadam H. Un morre, outro mátano. Un morre na cama, outro aforcado.

Ambos, mataron persoas que se contan por milleiros. Roubáronlle pais a fillos, fillos a pais, avós a netos, netos a avós... Aniquilaron a dous paises... Dende aquí, facemos un chamamento a que, inda que xa van dous, no mundo quedan moitos máis.

LIBERDADE, IGUALDADE E FRATERNIDADE.

"Os datos non deixan dúbidas da autoría de ETA".

"Os datos non deixan dúbidas da autoría de ETA". É a frase coa que o Ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, expresaba en rolda de prensa rematada ás 13:50 da víspera de fin de ano, que non caben dúbidas sobre a autoría de ETA.

O ministro tamén informou sobre a desaparición dunha persoa, que podía converterse na primeira vítima deste atentado. Rubalcaba cualificou os danos provocados polo atentado como moi graves.

Francisco Jorquera, coordinador executivo do BNG, vén de mostrar a súa máis firme condena e repulsa a acción terrorista de hoxe e a súa máxima solidariedade coa familia da persoa desaparecida.

Jorquera tamén dixo desexar que isto non supoña a ruptura definitiva do proceso de paz e pediulle ao goberno estatal que actúe con prudencia e que non tome ningunha medida que nos leve a situacións do pasado.

Pola súa parte Mariano Rajoy acaba de pedirlle ao goberno que suspenda calquer tipo de contacto coa banda terrorista ETA

Os lumes

Os lumes

En contra do que sería o usual, non penso facer ningunha reflexión acerca do lume neste ano. Cadaquén, sabe perfectamente o que pasou e que medidas se deben tomar.

Por exemplo... ¿sabedes canto nos custa ós cidadáns galegos a extinción de incendios?. Pois o prezo de 27 eur/hab. Agora, para que cada un de vós saque as súas conclusións, enuncio uns cantos titulares obtidos na web "vieiros.com" e "lavozdegalicia.es":

A Xunta confirma que arderon 77 mil hectáreas. Vítimas mortais: Dúas mulleres en Cerdedo; un home en Cotobade e outro na Cañiza. Zapatero ofrece "todos os medios necesarios", anuncia axudas para os afectados e garante "o maior operativo nunca despregado. Fraga opina que cos gobernos de coalición "hai máis incendios. Acusan de "neglixencia" a brigadistas pontevedreses. Trinta concellos gobernados polo PP rexeitaron convenios antiincendios.  A colaboración do exército: Patrullas que non patrullan?.  A cuarta parte dos incendios prodúcese á noite. As cooperativas agrarias arriman o ombreiro na loita contra o lume. Os galegos vólvense bombeiros. Máis dun cento de voluntarios axúdanlle ás brigadas. é a importancia da "resposta solidaria" . Cristina Verde, da Asociación Forestal de Galiza: "Este ano arderon montes impecablemente coidados" .A Asociación Independente da Garda Civil ve unha trama relacionada con prácticas clientelistas. Dificultan os traballos de extinción prendendo lume a pé dos aeroportos. Os incendiarios perfeccionan os mecanismos para queimar os montes. Trinta detidos no que vai de mes. 

Teléfono en defensa do monte e web oficial: 900 400 800 // www.concienciasolidaria.com

 

en DEBATE: sexismo

en DEBATE: sexismo

No xornal virtual de lavozdegalicia.es do día 26 de xuño, plantexábase unha pregunta ós internautas. "¿Cres que a descriminación por sexo é un problema na Galiza?".

O 61% pensa que si o é, e unha minoría (o 39%) pensa que non.

Velaí vai a miña personal opinión e conclusión.

É practicamente imposíbel pensar que ambos sexos poidan chegar a teren situacións de igualdade, pois ambos sexos son realmente moi diferentes.

Partindo disto, podemos seguir dicindo que hoxe en día estamos camiñando cara unha realidade na que a muller copa máis postos laborais e o home tamén está accedendo a outros nos que non tiña presenza. Pero isto, polo que dixemos anteriormente, non desencadeará na equivalencia laboral senón que o home seguirá sendo o dominante ou a muller se transformará neste (moi probábel).

¿Porque non existe a igualdade?

Porque vimos dunha sociedade corrupta en valores e, como tal, actúa dese xeito. Non podemos chegar a unha igualdade porque hoxe en día muller e home non desexan acceder a uns determinados postos laborais. Por poñer un exemplo, a maioría das mulleres xóvenes non desexarían copar un traballo da albañilería. Polo tanto, a minoría das mulleres que o fixesen, estarían descriminadas polo mero feito de seren a excepción. Velaquí a base do sexismo.

E viceversa.

En fin, para que non houbese sexismo non poderíamos ter historia, e iso é imposíbel.