Blogia

a xanela

XENTE

Setembro trae a volta á escola, cada marzo é tempo de lembrar á muller traballadora. Decembro tráenos nadal, día de loitas contra a SIDA e fin de ano. Bogamos virando o milenio, lembramos a longa noite de pedra franquista, manifestámonos pola liberdade de prensa e mandamos botellas virtuais a ambos lados do Atlántico. Somos xente, daquí e dacolá que mantemos esperanzas en nós e nos nosos. Adícovos, este poema de Celso Emilio Ferreiro para lembrarvos que "Entre o forte e o débil, é a liberdade a que oprime". Pasade bo día.

ESPRANZA

Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.

Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.

Non sabrán o camiño
que pra entón colleremos.
Longos ríos de brétema,
longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes,
na libertá creemos.
Viva, viva, decimos
aos que están no destero

e soñan cun abrente
de bandeiras ao vento.

Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!

PERIGO DE CONTAMINACIÓN NO MAR GALEGO

PERIGO DE CONTAMINACIÓN NO MAR GALEGO

 Tentan afastar da costa coruñesa un barco que emana gases tóxicos por mor dun incendio e que transporta 6000 tm de fertilizantes.

Salvamento Marítimo está tentando remolcar o buque holandés 'Ostedijk', que sufriu un incendio a oito millas da costa da Coruña e que está a emanar gases tóxicos. A Xunta de Galicia xa activou o Centro de Coordinación Operativa (CEOP) para tratar a situación de risco. A tripulación lanzou un S.O.S á 01:50 logo de detectar que parte das máis de 6.000 toneladas de fertilizantes agrícolas que transportaban nas súas bodegas se descompuxeran.

ÁS VOLTAS COAS HORAS...

ÁS VOLTAS COAS HORAS...

Na última Asamblea Nacional do BNG, saeu como proposta de aforro enerxético e en pro dunha calidade mellor de vida, un texto que apoiaba o cambio de hora na nación galega.

Velaquí atoparon a mediocridade estúpida dos nosos "pseudoperiodistas" o seu argumento contra nacionalismo galego. Dá igual ELPAIS, que EL MUNDO, ou calqueira cadena de locución radiofónica así como programas televisivos. Somente argumentaban que os do "bloque" pretendían diferenciar a Galiza, mais perdoen excelencias: Galiza está xa diferenciada do resto do Estado Español, pola súa lingua milenaria, pola cultura, polo ser, polo comer, polo beber, polo pensar... Non nos fai falla un cambio horario para iso, senón que:

*A nosa hora non debe ser a de Greenwich xa que nos cae un pouco lonxe, concretamente un meridiano. Nós deberíamos ter o de Lisboa, que é o mesmo que o das Canarias; observade senón calqueira mapa grafado con meridianos.

*Namentres España xira as agullas dos reloxios cada seis meses, Galiza tamén o fai pero como sempre por detrás da nosa hora natural. É duro de cativo, cando te deitas e ergues de noite... E segue séndoo de maior. Estudos científicos, afirman que os galegos dormen 22 minutos menos que os españois cada día debido a este desfase horario.

*Ós galegos, o cambio horario non nos fai aforrar, senón que máis ben todo o contrario. Non debemos sacrificarnos polo ben doutras localidades, xa que partimos da base que "todos temos os mesmos dereitos".

Mais os meseteiros españois, seguerán afirmando que nos queremos diferenciar. E Eu digo, xa son ganas de tocar o carallo. Sei que a proposta non prosperará, como case todo aquí. Máis eu despídome cando son as 00:47, hora galega.

ASOCIACIÓN PUNTOGAL

ASOCIACIÓN PUNTOGAL

A asociación Puntogal, está a reclamar un dominio exclusivo para Galiza, o .gal do que Catalunya xa dispón (no seu caso .cat).

Deste xeito, o web da Asociación PuntoGal acaba de abrir unha nova sección para ofrecer a opción de apoiar individualmente a reivindicación do dominio propio para a lingua e a cultura galegas. A partir de agora calquera pode asinar na páxina para deixar constancia do seu apoio ao PuntoGal.  Como podedes observar, a XANELA ESTÁ A COLABORAR NESTA CAMPAÑA, xa que temos colocado un bárnere do eu.gal na marxe dereita do web.
Cantos máis, mellor. Entra e asina.

http://www.puntogal.org

VIVIR POETICAMENTE; vivir para vivir.

VIVIR POETICAMENTE; vivir para vivir.

A poesía non é somentes unha variedade de literatura, tamén é unha forma de vida na participación, o amor, o fervor, a comuñón, a exaltación, o rito, a festa, a embriaguez, o baile, o canto, que, efectivamente, transfiguran a vida prosaica feita de tarefas prácticas, utilitarias, técnicas. (...) Fernando Pessoa dicía que en cada un de nós hai dous seres, o primeiro, o verdadeiro, é o das súas ilusións, dos seus soños, que nace na infancia e prosegue toda a vida; o segundo, o falso, é o das súas aparencias, os seus discursos e os seus actos. Poderíamos dicir doutro xeito: en nós coexisten dous seres, o do estado prosaico e o do estado poético; eses dous seres constitúen o noso ser, son dúas polaridades, necesarias unha para a outra: se non ouvera prosa non habería poesía, o estado poético non se manifesta como tal senón en relación co estado prosaico. Temos necesidade vital de prosa, porque as actividades prosaicas nos fan sobrevivir. Mais a cotío, no reino animal, as actividades de supervivencia (procurar comida, perseguir a presa, defenderse contra os perigos e os agresores) devoran a vida, é dicir o goce. Hoxe, na terra, os humanos adican a meirande parte do seu vivir a sobrevivir. Temos que actuar para que o estado secundario chegue a primario.
Hai que tratar de vivir non só para sobrevivir senón tamén para vivir.
Vivir poéticamente é vivir para vivir.

RECOPILATORIO 2006

RECOPILATORIO 2006

A continuación, enuncio unhas cantas frases que sintetizan o acontecido neste ano 2006. Esperemos, que o 2007 sexa máis postivo, ou canto menos, igual.

"Dende o 1 de xaneiro do 2006, entra en vigor a lei antitabaquismo"; "O 22 de marzo, ETA anuncia unha tregua"; "10 de marzo, a Polícía Nacional impide o paso a xóvenes que ían facer botellón no obradoiro. Son os chamados MACROBOTELLÓNS", "30 de marzo, a pílula postcoital de balde"; "5 abril, dramas diarios en Canarias a bordo de caiucos"; "8 abril, voda gay no PP de Ourense"; "23 de maio, sen peaxe en a Barcala"; "9 de abril, estafa en inversións filatélicas de Forum e Afinsa"; "1 de xuño falece a máis grande, Rocío Jurado"; "17 xuño, debate sobre o estatuto galego"; "Dúas primeiras semanas de agosto, vaga incendiaria que arrastra máis de 77.000 hectáreas"; "1 de setembro, verquidos químicos no Tío Umia", "21 outubro, pesadelo na Rivera Maya con Ana María Ríos, retida semanas en Cancún"; "22 outubro, a auga asologa Galiza e en especial nas Rías Baixas"; "8 outubro, Fernando Alonso revalida título"; "decembro, a morte libera a Pinochet da condena", "decembro, falece por pena de morte, Sadam H.", "30 decembro, ETA coloca unha bomba no aparcadoiro D da T4, poñendo fin ó proceso de paz dialogado".

UN MES, DOUS TIRANOS.

UN MES, DOUS TIRANOS.

Neste mes, xa van dous. Un chileno chamado Pinochet e un iraquí chamado Sadam H. Un morre, outro mátano. Un morre na cama, outro aforcado.

Ambos, mataron persoas que se contan por milleiros. Roubáronlle pais a fillos, fillos a pais, avós a netos, netos a avós... Aniquilaron a dous paises... Dende aquí, facemos un chamamento a que, inda que xa van dous, no mundo quedan moitos máis.

LIBERDADE, IGUALDADE E FRATERNIDADE.

NOITE FIN DE ANO 2006

NOITE FIN DE ANO 2006

 A predicción do meteo, arroxa choivas para a noite do 31 e a madrugada do primeiro de ano. Especificamente, resalta que os ceos estarán cubertos con precipitacións e as temperaturas mínimas en lixeiro descenso e as máximas sen cambios significativos.
E en especial, na zona do Barbanza a noite estará non moi choivosa e as temperaturas oscilarán entre os 7º e os 11º. Haberá tamén, unha lixeira corrente de vento.
DENDE AQUÍ, desexarvos unha boa noite de fin de ano e un feliz nadal, ou canto menos, do que del queda.

CONSULTORIO SEXUAL

CONSULTORIO SEXUAL

PREGUNTA: "Tiven sexo cunha rapaza e creo que non tivo orgasmo, é posíbel? Como sei cando o ten?"

RESPOSTA: Si, é posíbel que non o tivese, pero para sabelo con toda seguridade o mellor é que llo preguntes a ela mesma. Non é doado saber se a parella tivo ou non un orgasmo, aínda que se coñeces as reaccións do seu corpo podes albiscalo. En calquera caso, debes saber que MOITAS MULLERES SÓ CHEGAN Ó ORGASMO MEDIANTE A ESTIMULACIÓN DO CLÍTORIS e isto non é nada anormal nin exclúe necesariamente o coito, que se pode facer no medio do xogo erótico. A mellor suxestión que che podemos facer é que a túa parella e ti faledes do que vos gusta e do que non vos gusta, para poder lograr o maior pracer posíbel.

PREGUNTA: A vasectomía resta desexo sexual no home?

RESPOSTA: O único efecto deste método é que os espermatozoides non saian co seme, pero o funcionamento sexual do home segue a ser o mesmo: o desexo é o mesmo, a erección é igual e a exaculación tamén, non inflúe en ningún deses niveis.

Suxestións: agustinperezcalvo@gmail.com

"Os datos non deixan dúbidas da autoría de ETA".

"Os datos non deixan dúbidas da autoría de ETA".

É a frase coa que o Ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, expresaba en rolda de prensa rematada ás 13:50 da víspera de fin de ano, que non caben dúbidas sobre a autoría de ETA.

O ministro tamén informou sobre a desaparición dunha persoa, que podía converterse na primeira vítima deste atentado. Rubalcaba cualificou os danos provocados polo atentado como moi graves.

Francisco Jorquera, coordinador executivo do BNG, vén de mostrar a súa máis firme condena e repulsa a acción terrorista de hoxe e a súa máxima solidariedade coa familia da persoa desaparecida.

Jorquera tamén dixo desexar que isto non supoña a ruptura definitiva do proceso de paz e pediulle ao goberno estatal que actúe con prudencia e que non tome ningunha medida que nos leve a situacións do pasado.

Pola súa parte Mariano Rajoy acaba de pedirlle ao goberno que suspenda calquer tipo de contacto coa banda terrorista ETA

LENDO NOS LIBROS: "A vida que nos mata".

LENDO NOS LIBROS: "A vida que nos mata".

Xabier López López, escritor novelístico na literatura galega, conta somente con 32 anos e xa leva publicados uns cantos libros. Hoxe, recomendámosche unha das súas obras últimas, ("A vida que nos mata" Ed. Galaxia 2003).

Este licenciado en dereito pola UDC, narra un doble crime cometido no balneario de Mondariz a finais da década dos 20 serve de trama para unha novela áxil, directa e chea de matices protagonizada por un xornalista obeso, cincuentón e descrido. Xabier López mergúllanos no pracer da novela negra con maiúsculas.

Unha recomendación: a escrita é gustosa, trepidante e moi dinámica. Se tes que madrugar, non o leves á cama.

INAUGURACIÓN: premios inútil setembro 2006

INAUGURACIÓN: premios inútil setembro 2006

Xente e persoas, comprázome en presertarvos a todos vós os premios da xanela que daremos ós persoeiros maís inútiles que existan sobre a face desta a nosa terra.

A verdade é que os candidatos a premiar son moi numerosos e a elección, polo tanto, moi dificultosa. A única condición para ser galardoado, serán dúas: ser famoso (ou pseudofamoso) e ser inútil para o mundo. ¿Entendido?. Moi ben...velaí vai o galardoado deste mes....

"Como el mesmo di, arrisca a vida en cada viaxe. Cruzou mil e un mares. Case o comen os tiburóns do Ecuador, e pouco lle faltou para morrer en boca de pirañas sen piedade. O seu irmán ten apariencia glamourosa pero sin sentido do ridículo. Combina chaquetóns con foulards, ou chanclas con calcetíns a media caña.

O apelido deste home está ligado á monarquía... Finalmente, o INÚTIL setembro 2006 vai para... ÁLVARO DE MARICHALAR!!!!"  As miñas e máis profundas felicitacións.

Primeira vez. Marisa Rumbo.

Primeira vez. Marisa Rumbo.

Teresa Preguntoiro nunca collera un avión na súa vida, pero un día colleuno para ir a A Habana de vacacións e o avión estrelouse. Nunca saberemos que pensaba ela da experiencia de viaxar en avión. Era a primera vez pero tamén foi a derradeira. En cambio Aurelio Zapatero, collíaos case a diario, porque era representante dunha multinacional moi coñecida. Nunca lle aconteceu nada en avións. Pero algo practicamente imposíbel, que é que che pique unha avispa na boca e se che hinche o paladar ata que morras, pois iso pasoulle a Aurelio.

Benito Ramírez era un tolo do fútbol. Tódolos xoves cubría a quiniela como quen mexa, ou conduce, como un acto reflexo. Nunca lle tocou. Nembargantes, o seu cuñado, a quen non lle gustaba o fútbol, cubreu unha un día  por casualidade e a cegas. Tocáronlle 3.000 millóns de euros. Tras ese golpe de sorte, nunca volveu a cubrir outra quiniela. En realidade, non o precisaba.

Isidoro Teadoro era un apaixoado do cola-cao; non podía comezar un día sen o seu tazón ben quentiño, pero un día que decidiu pórse a réxime, mercou un bote de Nescafé e tocoulle un soldo deses de 200.000 euros para toda a vida. Cando acabou o bote do Nescafé, voltou a mercar Cola-cao, o moi desagradecido.

MARISA RUMBO sempre dicía, cando a precavían de algo..."Bueno, tamén podes saír á rúa e que che caia un testo na cabeza e che mate". A Marisa Rumbo caeulle un día de moito vento un testo na cabeza, pero non a matou. Marisa Rumbo endexamáis volveu a repertirlle a ninguén a famosa frase.

 

Xaimiño

Xaimiño

Primeiro día de clase. Chega o mestre coa pipa na boca e di..."A ver, rapaces...Éste é o primeiro problema do curso; positivo para o acertante".

-"Sae un avión dende Madrid cara a Zaragoza, cunha velocidade en despegue de 300km/h . O vento sopra forte 20 nudos dirección sudoeste. A miña prima chámase Carmela e esta mañá almorzou leite con torradas... ¿cal é a miña idade?

Un silencio abrumador na aula, e de súpeto exclama Xaimiño...

-"Eu sei a resposta ó problema. Vostede ten 44 anos". Todo o mundo pon cara de desconcerto.

-"Acertaches, ¿como o calculaches?".

-"Moi sinxelo, resulta que eu teño un primo que é medio parbo e ten 22 anos."

Os lumes

Os lumes

En contra do que sería o usual, non penso facer ningunha reflexión acerca do lume neste ano. Cadaquén, sabe perfectamente o que pasou e que medidas se deben tomar.

Por exemplo... ¿sabedes canto nos custa ós cidadáns galegos a extinción de incendios?. Pois o prezo de 27 eur/hab. Agora, para que cada un de vós saque as súas conclusións, enuncio uns cantos titulares obtidos na web "vieiros.com" e "lavozdegalicia.es":

A Xunta confirma que arderon 77 mil hectáreas. Vítimas mortais: Dúas mulleres en Cerdedo; un home en Cotobade e outro na Cañiza. Zapatero ofrece "todos os medios necesarios", anuncia axudas para os afectados e garante "o maior operativo nunca despregado. Fraga opina que cos gobernos de coalición "hai máis incendios. Acusan de "neglixencia" a brigadistas pontevedreses. Trinta concellos gobernados polo PP rexeitaron convenios antiincendios.  A colaboración do exército: Patrullas que non patrullan?.  A cuarta parte dos incendios prodúcese á noite. As cooperativas agrarias arriman o ombreiro na loita contra o lume. Os galegos vólvense bombeiros. Máis dun cento de voluntarios axúdanlle ás brigadas. é a importancia da "resposta solidaria" . Cristina Verde, da Asociación Forestal de Galiza: "Este ano arderon montes impecablemente coidados" .A Asociación Independente da Garda Civil ve unha trama relacionada con prácticas clientelistas. Dificultan os traballos de extinción prendendo lume a pé dos aeroportos. Os incendiarios perfeccionan os mecanismos para queimar os montes. Trinta detidos no que vai de mes. 

Teléfono en defensa do monte e web oficial: 900 400 800 // www.concienciasolidaria.com

 

Antesala da Ría de Arousa: SÁLVORA

Antesala da Ría de Arousa: SÁLVORA

Sálvora esconde, baixo o seu aspecto virxe e montesco, un impresionante patrimonio medioambiental, histórico e mitolóxico. É á Ría de Arousa o que a Gioconda ó museo do Louvre, e o percebe ós incondicionais do marisco. Sitada a nove quilómetros de Ribeira, á illa somente hai un xeito de acceder- se non hai invitación dos donos polo medio-: tramitar un permiso ante a directiva do Parque Nacional das Illas Atlánticas para poder pisar a zona pública do arquipélago. Tardan catro días.

A planeadora "Camiño Xacobeo", que goberna Xosé Fº Deus (propietario da compañía Camiñando polo mar), convértese no medio de turistas para por pe en Sálvora.

Atracan en Sálvora. Cheira á Ría e o vento campa ás súas anchas. A súa costa é recortada e a sirea que preside a isla permanece impertérrita ante as incesantes preguntas dos turistas. ¿é privada?, ¿está habitada?, ¿hai animais?... Interrogantes ós que responte o patrón da expedición mariña; Sálvora pertence ó Marqués de Revilla (si, como o chourizo), estivo habitada ata fai máis de dúas décadas por un grupo de colonos e polos pinares corrían coellos, perdices, faisáns e cabalos.

Camiñan polo camiño do porto e ven dous carteis. "Illa de Sálvora. Parque Nacional". Un pouco máis adiante hai outro no que se reza: "Propiedade Privada". Téñense que conformar coas vistas. As casas en desuso asoman ó alto da pendente. A capela foi no seu día, o bar do pobo. O vixiante míraos con catalexos, é hora de irse. É propiedade privada.

Noitebús

Noitebús

Coa chegada do mes de agosto os viaxeiros que se apuntan a esta experiencia piloto de transporte nocturno, non deixan de medrar e neste primeiro fin de semana do mes observouse un aumento do 14% de viaxeiros nas diferentes rutas polas que discorre o Noitebús.

Unha vez máis, os itinerarios que máis afluencia tiveron foron os de Padrón-Ribeira con 841 viaxeiros, Baiona-Vigo con 607 e o de Vilagarcía-Cambados-Villalonga-Sanxenxo-Portonovo con 618 viaxeiros, que duplicou o seu número dende a fin de semana anterior.

O Noitebús é un servizo financiado na súa meirande parte pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes (entre un 75 e un 85%), polo que o prezo do billete de ida e volta para o usuario se sitúa en 1’50 euros. Da mesma maneira, todas aquelas persoas que precisen información sobre os servizos establecidos, os horarios, itinerarios e prezo dos mesmos, poderanos atopar na páxina web da Xunta de Galicia.

(CONSULTA DE HORARIOS NA WEB DA XUNTA www.xunta.es)

Chámase vida.

Chámase vida.

Esta é a historia dunha vida e dun amor. El rolda os ointenta e ela pasa deles. Ela quéixase. Dóenlle as pernas, os riles e a columna impídelle case andar. Ela dille a el que para estar así, é mellor morrer. E el chora. Chora porque fica impotente como o tempo non perdoa a nada nin a ninguén. Chora porque cada vez ve máis lonxe aquela primeira vez que a acariciou, o primeiro bico entre o millo, a primeira vez que lle tocou unha teta, a primeira vez que fixeron o amor, o primeiro fillo, as borracheiras que tomaban na barra entrementres servían...  Agora ela tamén chora,  ¿sabedes porque?. Porque agora tócalles a eles. Teñen que morrer, e sábeno.

Ás veces véxoo alá enriba das pedras. Ten a mirada perdida. Perdida nun sitio no que ninguén lla atopará. Chámase amor, chámase vida.

 

EROS: fantasías masculinas

EROS: fantasías masculinas

Fai unhas tres semanas, falamos das fantasías sexuais femininas. Pero agora imos facer outra cousa. Falaremos das fantasías dos homes, pero seredes vós os que teñades que escribir cales son.

Se eres muller, as fantasías que pensas que teñen os homes e no caso de ser home, redacta a fantasía túa máis común.

Dentro de dúas semanas, compararémolas cun artigo sobre fantasías masculinas feito por un sexólogo.

ANIMÁDEVOS e comentade.

Mtv. 25 aniversario.

Mtv. 25 aniversario.

Fai 25 anos, o primeiro de agosto nacía a cadea televisiva de música máis famosa do mundo. Era a "music tv" (Mtv). Foi a primeira en apostar polo xénero do videoclip, e a primeira que fixo deste xénero audiovisual un éxito.

Artistas como Madonna, naceron e brillaron nesta cadea. Sempre mesturando vangarda, tradición e innovación. 

 Innovando en cada gala de premios que celebra tódolos anos, e que neste 2006 recaerá no 31 de agosto, os premios da Mtv non teñen nada que envexarlle ós grammies e a outros premios musicais.

Polémicas polo progresismo da cadea sempre as houbo. Recordade o polémico bico lesbi de madonna ou ese peito que se destapou na gala do 2005 en horario infantil.

Toda unha reseña para o mundo da música mundial. Que sexan moitos máis.